Don Bosco en Compostela22 e 23 de maio de 2012
Eran as cinco menos cuarto da tarde do martes 22 de maio cando as campás da catedral empezaban a repicar a gloria transmitindo a súa alegría a toda a cidade. Procedente de Castrelo (Cambados) Don Bosco peregrinaba á tumba do Apóstolo para agradecer o don da fe, e -cal novo Santiago- para alentar aos ‘peregrinos’ que continúan a súa misión.
Don Bosco chegou á Praza da Quintana desde a que os salesianos presentes acompañárono á porta do Perdón (Pratarías) onde o estaban esperando o Señor Arcebispo, unha nutrida representación do cabildo catedralicio, outros presbíteros e o alcalde da cidade. O cortexo entrou á catedral e acompañado polas notas que daba o monumental órgano, dirixiuse pola nave lateral até o Pórtico da Gloria, desde o que iniciou o seu itinerario cara ao Altar Maior.
A Celebración da Palabra foi testemuña da desapropiación…; Don Bosco non é dos salesianos, é da Igrexa, -repetían varias voces-. Salesianos, mozos e membros da Familia Salesiana tamén tiveron oportunidade de agradecer a Don Bosco a súa chegada á cidade. Un entrañable Julián Barrio deu a benvida a Don Bosco á catedral, lembrounos o don da común vocación á santidade e agradeceu o testemuño e a colaboración misioneira da Familia Salesiana na arquidiocese. Trala homilía e a oración dos fieis, o botafumeiro honrou tamén ao apóstolo da mocidade, mentres soaba o himno ao apóstolo Santiago. O Señor Inspector, emocionadamente, interveu pondo a Don Bosco as palabras de ruborizo agradecido polas atencións e afecto mostrado en tal benvida.
A bendición do señor arcebispo e o “Cantemos hermanos” deron paso á saída procesional de despedida na calor do prolongado aplauso espontáneo que ía levantando Don Bosco ao seu paso pola catedral.
Logo da catedral, Don Bosco foi a onde lle gustaba estar, ao patio do seu Oratorio. No Centro Xuvenil Don Bosco esperábano os nenos, os animadores, os veciños e os membros da Familia Salesiana que tamén o acompañaran na celebración precedente. Globos, confetti, foguetes, pancarta de ‘Benvido Don Bosco!!!’,… dicíannos que estabamos noutro ambiente. A campá de San Antoniño tamén tocou e o director da obra explicou o sentido desta visita de Don Bosco e a importancia do seu paso polo patio, polo patio do Centro Xuvenil que é a súa casa. ‘Grazas por crer en nós e vira ou noso encontro’ foron as palabras que repetimos en varias ocasións para agradecer a Don Bosco a súa visita. A foto de familia baixo o sol que nos acompañou durante a xornada deu paso ao traslado procesional da Urna coa reliquia de Don Bosco áIgrexa Conventual das Madres Dominicas de Belvís.Grazas Don Bosco por seguir sendo peregrino!

